CONCERTO DIDACTICO A CARGO DE ROSA SANCHEZ E PABLO CARPINTERO

O concerto didáctico “Música e evolución” pretende principalmente amosar e por en valor o noso patrimonio cultural musical, pero tamén falar da música como manifestación cultural esencial para os humanos. Así, no concerto explícanse as últimas teorías científicas sobre o que é a música e que o sentido que tivo e ten dentro da nosa evolución como especie. O discurso vai guiado pola analoxía que existe entre a evolución da nosa especie nos últimos catro millóns de anos e o desenvolvemento musical das nenas e dos nenos galegos. Neste concerto amosamos 42 instrumentos musicais diferentes, dos máis de 160 documentados en Galicia. Por outra parte, este concerto contén tamén unha fonda revision do papel esencial que as mulleres xogan na música humana.

O Trícole participa no acto organizado na Igrexa de Santa María de Pesqueiras

Un ano máis estaremos nesta fermosa Igrexa de Pesqueiras, para colaborar neste acto onde fomos distinguidos pola nósa participación. Esta foi a contestación ao recoñecemento. Xesus Verao en representación de O Trícole expoñía alo polo 2016:

Moitas grazas á Asociación de Amigos do Románico da Comarca de Chantada por este recoñecemento, certamente inmerecido, que con benevolencia se lle fai ao Trícole, Asociación Cultural que tendo sede en Sober está participada por mulleres e homes de toda a comarca. Sentímonos moi honrados, individual e colectivamente. Moitas grazas.

Se acaso, o que si fixemos foi responder anualmente e coa maior ilusión ao convite para cantarmos nesta igrexa e paraxe tan extraordinarias en todos e cada un dos aspectos que queiramos contemplar. E esta presenza continua seguro que axudou a que o grupo que represento se convertese no que máis misas canta na Ribeira Sacra. Ben é certo tamén que non tivemos problemas, dentro do propio templo, en cantar cancións algo máis profanas e non tan piadosas, seguro que polo convencemento que sociedade e autoridades (todas) teñen sobre o patrimonio: que é, tamén e sobre todo, algo de todas e todos.

Mais o que en realidade é importante, para o que nos ocupa, é a labor que a Asociación de Amigos do Románico da Comarca de Chantada está facendo: estades facendo (acéptese a familiaridade). E voume referir a un aspecto que está sendo fundamental (á parte, claro, do entusiasmo dos membros do grupo): falo do feito de pretender e ir conseguindo involucrar, na recuperación desta xoia que agora ocupamos, ao conxunto dos actores sociais e responsábeis institucionais. Creo que xa vimos pasar por aquí a todos eles. En calquera momento se poñen mans ao que aínda resta. Confiemos

.Para rematar, e como actores sociais e músicos que somos, tamén desde O Trícole intervimos e estamos dispostos a seguir intervindo. É unha honra que se pense en nós. Moitas grazas. Pesqueiras, agosto de 2016.

 



Un ano

Charla cultural OS IBIOS DE SOBER

Aitor Freán Campo, graduado en Historia, ofreceranos unha charla relacionada coa súa publicación «Os Ibios de Sober. Confluencias simbólicas nun antigo asentamento da Ribeira Sacra». Publicado na revista Gallaecia. «Hai xa moitos anos, tralo diluvio universal, navegaron os Ibios coas súas barcas polo río Sil ata chegaren ás inmediacións do que hoxe se coñece como o Val ou Portabrosmos. Aquí, descenderon das embarcacións e subiron ata chegar a Chanteiro, o sitio escollido para fundar o seu asentamento, a Ibia, nome co que aínda se coñece o lugar. Pouco máis se sabe dos seus fundadores. Descoñécese a súa orixe, mais creése que eran os descendentes de Noé. De igual xeito, dise que estaban dotados dunha gran fortaleza e estatura, ademais dunha notable valentía e rudeza. Os habitantes da zona considéranse os seus sucesores e tamén lles atribúen a eles a introdución do cultivo da vide e da produción de viño no seu territorio. Os restos das casas e máis das prensas de viño e de aceite empregadas polos Ibios, aínda son hoxe visibles entre a maleza e os muros que compoñen os bancais das actuais viñas.»

Continue reading “Charla cultural OS IBIOS DE SOBER”

Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre no asalto ao Castelo de Vimianzo.

É (foi) a edición número 22 do Asalto…

Ben poderiamos comezar polo importante que resulta, para construírmos o futuro colectivo, coñecer a historia (a nosa). Para mal ou para ben, a dos Irmandiños foi determinante.

O programa amplo e variado.

E dentro del o que alá nos levou: o concerto de Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre.

As pausas entre cancións, coas medidas intervencións de Xabier, permitiunos saber que xa estivera no asalto hai vinte anos, que catro anos atrás veu con Berrogüetto e que conta dentro de outros vinte anos volver. Aínda que con fina ironía deixou caer que ben podería ser antes. Xa nós en Sober percibiramos en marzo que moitas das mensaxes serias ían cargadas dese pouso retranqueiro que as fai máis evidentes.

Con puntualidade de agradecer, comezou o concerto ás 22 horas xustas (o asalto ao castelo estaba para as 23:30 horas). Isto fixo que, na sobremesa, Alba pedise que cantasen Cantiga da Montaña (descubriu, claro, que non estivera no comezo). Houbo uns compases de deferencia, non máis. O que permitiu tamén, nun comentario preciso de Xabier, reivindicar o importante da hora nos concertos de música tradicional. Era ben visíbel a presenza de familias ao completo, con pícaros.

Mais vaiamos á música propiamente.

Non nos imos parar na voz cálida, próxima e engaiolante de Xabier, que resoaba mesmo aló nos muros do castelo. Queremos achegarnos a cualificar o son do conxunto Xabier e Adufeiras. Neste sentido, confirmamos como o home da pandeireta se adiante con ese martelar fusco, nu e telúrico, mentres os adufes repenican cal cabalos que se aproximan para o asalto definitivo da música de raíz popular. Nos extremos do escenario, Gutier facía que tivésemos que ollar por todo o escenario como non crendo que puidesen saír tales sons da zanfona, mentres o diatónico de Javier Álvarez nos envolvía nunha tensa atmosfera de néboa.

Certamente ficamos enfeitizados polo son de Xabier e Adufeiras de Salitre. Singular, pasado e próximo á vez, camiño sen dúbida para abrirmos futuros de música e cultura de noso.

Forza!, por Xabier e Adufeiras.

SUSO VERAO PÉREZ.

A Ferreirúa en festas.

Esta fin de semana festa na Ferreirúa da Pobra do Brollón.

Xa onte pola tarde-noite estiveron Os Parentes e hoxe iremos á misa os compoñentes do Trícole. Falo dos grupos que nos cadran máis na familia, pero o cartaz de actos dos tres días é máis que potente. Mostrámolo a seguir e alí esperamos aos lemeses que queirades acudir a ese espazo tan singular.