Charla cultural OS IBIOS DE SOBER

Aitor Freán Campo, graduado en Historia, ofreceranos unha charla relacionada coa súa publicación «Os Ibios de Sober. Confluencias simbólicas nun antigo asentamento da Ribeira Sacra». Publicado na revista Gallaecia. «Hai xa moitos anos, tralo diluvio universal, navegaron os Ibios coas súas barcas polo río Sil ata chegaren ás inmediacións do que hoxe se coñece como o Val ou Portabrosmos. Aquí, descenderon das embarcacións e subiron ata chegar a Chanteiro, o sitio escollido para fundar o seu asentamento, a Ibia, nome co que aínda se coñece o lugar. Pouco máis se sabe dos seus fundadores. Descoñécese a súa orixe, mais creése que eran os descendentes de Noé. De igual xeito, dise que estaban dotados dunha gran fortaleza e estatura, ademais dunha notable valentía e rudeza. Os habitantes da zona considéranse os seus sucesores e tamén lles atribúen a eles a introdución do cultivo da vide e da produción de viño no seu territorio. Os restos das casas e máis das prensas de viño e de aceite empregadas polos Ibios, aínda son hoxe visibles entre a maleza e os muros que compoñen os bancais das actuais viñas.»