Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre no asalto ao Castelo de Vimianzo.

É (foi) a edición número 22 do Asalto…

Ben poderiamos comezar polo importante que resulta, para construírmos o futuro colectivo, coñecer a historia (a nosa). Para mal ou para ben, a dos Irmandiños foi determinante.

O programa amplo e variado.

E dentro del o que alá nos levou: o concerto de Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre.

As pausas entre cancións, coas medidas intervencións de Xabier, permitiunos saber que xa estivera no asalto hai vinte anos, que catro anos atrás veu con Berrogüetto e que conta dentro de outros vinte anos volver. Aínda que con fina ironía deixou caer que ben podería ser antes. Xa nós en Sober percibiramos en marzo que moitas das mensaxes serias ían cargadas dese pouso retranqueiro que as fai máis evidentes.

Con puntualidade de agradecer, comezou o concerto ás 22 horas xustas (o asalto ao castelo estaba para as 23:30 horas). Isto fixo que, na sobremesa, Alba pedise que cantasen Cantiga da Montaña (descubriu, claro, que non estivera no comezo). Houbo uns compases de deferencia, non máis. O que permitiu tamén, nun comentario preciso de Xabier, reivindicar o importante da hora nos concertos de música tradicional. Era ben visíbel a presenza de familias ao completo, con pícaros.

Mais vaiamos á música propiamente.

Non nos imos parar na voz cálida, próxima e engaiolante de Xabier, que resoaba mesmo aló nos muros do castelo. Queremos achegarnos a cualificar o son do conxunto Xabier e Adufeiras. Neste sentido, confirmamos como o home da pandeireta se adiante con ese martelar fusco, nu e telúrico, mentres os adufes repenican cal cabalos que se aproximan para o asalto definitivo da música de raíz popular. Nos extremos do escenario, Gutier facía que tivésemos que ollar por todo o escenario como non crendo que puidesen saír tales sons da zanfona, mentres o diatónico de Javier Álvarez nos envolvía nunha tensa atmosfera de néboa.

Certamente ficamos enfeitizados polo son de Xabier e Adufeiras de Salitre. Singular, pasado e próximo á vez, camiño sen dúbida para abrirmos futuros de música e cultura de noso.

Forza!, por Xabier e Adufeiras.

SUSO VERAO PÉREZ.

Xabier Díaz dará, en Sober, unha charla-obradoiro sobre música tradicional

Organizada polo Trícole e coa colaboración do Concello de Sober, no próximo día 8 de marzo, mércores, ás 20:00 horas, terá lugar, no salón de actos da Casa da Cultra de Sober, unha charla-obradoiro sobre música tradicional. A palestra correrá a cargo de Xabier Díaz, notábel investigador e profundo coñecedor da nosa música tradicional e popular. Velaí o cartaz.